COVID-19

29/3/17

DÍA MUNDIAL DA ÁRBORE E DA AUGA


O 21 de marzo celebramos o Día Mundial da árbore e da auga.
A Diputación regalou ao centro un ameneiro que prantaron os nenos e nenas de 1º de Educación Primaria. Puxéronlle o nome de TRONQUIÑO.
Aquí temos as fotos do acto.

Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o desfrute da vida e de todos os dereitos humanos.

Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.

28/3/17

ACTIVIDADES SOBRE CARLOS CASARES (CEIP MESTRE VALVERDE MAYO)

Estas son algunhas das actividades elaboradas polo CEIP MESTRE VALVERDE MAYO sobre o autor homenaxeado este ano 2017 o Día das Letras Galegas, CARLOS CASARES.


http://www.ceipmestrevalverdemayo.es/edlg/letrasgal2017/index.html

Grazas por compartir este fantástico traballo!

23/3/17

PRIMAVERA DAS LETRAS- CARLOS CASARES


  A Real Academia Galega acaba de poñer en marcha a segunda edición do proxecto web Primavera das Letras (http://academia.gal/primaveradasletras), unha iniciativa coa que pretende fornecer a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos didácticos e lúdicos arredor do protagonista do Día das Letras Galegas de cada ano. Co propósito de que todos os potenciais usuarios e usuarias poidan coñecer esta ferramenta, diríxome a vostede para lle solicitar toda axuda posible na súa difusión entre o profesorado seu centro, as familias e demais membros da comunidade educativa.

                              Carlos Casares, o escritor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017, e o seu universo vital e literario son o eixe das propostas didácticas deste ano. Un dos obxectivos de Primavera das Letras é promover que a aprendizaxe arredor desta celebración non se limite aos días previos ao 17 de maio. Deste xeito, desde finais do mes de febreiro estanse a publicar novas fichas didácticas e contidos interactivos.


                                                  
                              As actividades propostas están interrelacionadas con diversos contidos do currículo escolar para facilitar un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento; poderanse traballar na aula, por exemplo, contidos de literatura galega, expresión oral e escrita, aspectos relacionados coa natureza, a xeografía, a historia ou a educación artística e a creatividade.

                              Como novidade, nesta segunda edición de Primavera das Letras ponse en marcha o certame Contádenos o voso día das Letras, no que os centros educativos poderán explicarlle á Academia como celebran o 17 de maio.

                              Alén de Primavera das Letras, lembrámoslle que a web da Academia, academia.gal, recolle na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de Carlos Casares, e tamén ofrecerá durante estes meses reportaxes e entrevistas sobre a figura homenaxeada.

20/3/17

ROSALÍA, CIENTÍFICA DA LINGUA

Para conmemorar o Día de Rosalía e traballando sobre o noso proxecto da ciencia, decidimos elaborar unha LIÑA DO TEMPO SOBRE DESCUBRIMENTOS/INVENTOS na época de Rosalía.
Cada clase escolleu un invento/descubrimento e tivo que investigar para elaborar un poster coa descrición do invento/descubrimento e inventor/descubridor.
Así aprenderon nomes de inventores/as e científicos/as e unha morea de datos sobre o teléfono, bombilla, Marie Curie, o submarino...
Unha vez realizados os traballos, expuxémolos nun mural para que toda a comunidade educativa poda disfrutar dos traballos que facemos no colexio.

12/3/17

ENTREVISTA A BASI, O PROFE DE INFANTIL DO NOSO COLE


Entrevista a Basi o Día da Muller Traballadora no CEIP Plurilingüe de Covas
 Imagen: XAIME F. RAMALLAL

«Non atopo súper heroes que choren»
Basilio Seijas, mestre de educación infantil, cre que a igualdade pasa por empoderar ás mulleres, pero tamén por ensinar aos nenos unha nova masculinidade. ANA F. CUBA 

Blog do profe Basi: oprofebasi.com


ORTIGUEIRA 05/03/2017 18:30
Na súa promoción, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, só eran catro homes estudando Educación Infantil. E nos 15 anos de docencia que leva, catro en Madrid e o resto en Galicia, Basilio Seijas Franco (Lugo, 1978) aínda non tivo nin un só compañeiro (si de primaria ou na dirección do colexio, pero non en infantil). 
A maioría das veces é ben recibido polas mestras, pero este ensinante asentado en Ortigueira ten oído comentarios de todo tipo, de profesoras - «para ser home aínda ten a clase bastante recollida», «xa vén un tío a cortarnos o rollo», «pois a ver con quen vas falar»- e tamén de familias -«unha nai díxome que a súa filla non estaba afeita a tratar con homes, e saíume ‘pero non ten pai ou avó ou tíos?’; notei desconfianza por ser home»-. 
Basilio, que exerce unha profesión de mulleres (no último tribunal de oposición no que participou só aprobou un rapaz), entende que a igualdade e a loita contra a lacra da violencia de xénero pasa, necesariamente, por empoderar á muller. «Pero falta a figura masculina na ecuación -sostén-, porque o que maltrata xeralmente é o home, e por iso temos que permitir novas masculinidades». «Os homes temos barreiras, non atopo bibliografía de súper heroes que choren nin soldados que non queiran ir á guerra. Parece que un home non pode mostrar as emocións, o medo; somos violentos e fortes... E esas cousas véxoas nos nenos, desde pequenos», explica. Unha nai contoulle, preocupada, que ao seu fillo lle gusta a cor rosa, pero só o manifesta na casa, xamais no colexio, por vergoña. 
Outra explicoulle que o neno facía xogo simbólico (emulando a unha nai, un pai, etcétera), pero paraba cando chegaba o pai. 
A educación emocional:As nenas «non teñen problema en facer un escudo de cabaleiro, pero a algún neno [de entre tres e seis anos] non lle digas que o vas maquillar; temos un rol xa adquirido», conclúe. De aí o movemento, secundado por cada vez máis docentes, que aposta pola educación emocional, «fundamental para recoñecer as emocións e expresalas, e a empatía, moi importante desde pequenos». O papel das familias é clave, «xa que moitos nenos están sendo educados por homes que non expresan sentimentos, machotes», constata, e o pequeno identifícase co proxenitor e tende a reproducir o seu comportamento. Basilio ve cambios, pola maior implicación dos varóns na educación dos fillos, pero incide na necesidade de «empoderar a eses homes que, cada vez máis, se atreven a ser como queren ser», coma Billy Elliot. O mestre recoñece que a el tamén lle custou a primeira vez que saíu á rúa cun carro da compra e bota en falla unha formación específica en igualdade. No colexio loita contra os límites que impón o sistema -«en infantil temos a presión da lectoescritura, cando a ler e escribir deben aprender despois»-, escapa da «produción» de fichas e aplica métodos pedagóxicos que traballan por proxectos, incidindo na motricidade, a oralidade e a creatividade (a través da música, a arte ou os contos). «As escolas matan o querer saber, unha persoa intelixente é a que se fai preguntas e na aula deberíase incentivar esa curiosidade. O mundo actual non busca xente con moitos coñecementos, senón creativa, con pensamento diverxente... Entón, que estamos facendo nas escolas, nenos borricos?», pregunta.
  Tipos duros que din «quérote»:Fíxose mestre co afán de mudar o mundo e a frustración sumiuno nunha crise, da que saíu cando se convenceu de que «os cambios son pequeniños, pero importantes, porque o que un neno aprende de ti axuda» a ir na nova dirección. No seu blogue (oprofebasi.com) aborda as novas masculinidades, outro tipo de homes, «varóns fortes, pero tamén sensibles, con medos, emocións e frustracións, valentes que non teñen medo a enfrontarse á vida, pero tampouco a dicir ‘quérote’». E recomenda o conto Tipos duros (editorial Impedimenta).

10/3/17

O PATIO CUBERTO XA ESTÁ PINTADO

Xa temos pintado o patio cuberto do colexio. Grazas ao fantástico traballo de Ana Corujo (antiga alumna do centro e colaboradora habitual nas actividades artísticas) e Lara Buyo quedou así de bonito e luminoso.
Ana e Lara son graduadas en Bellas Artes e ademais teñen en marcha un proxecto dunha empresa de serigrafía en Viveiro.
Toda a comunidade educativa agradece a colaboración destas artistas.



Moita sorte co voso proxecto!

LAG
Ana Corujo (Viveiro, 1993) e Lara Buyo (A Coruña, 1993) son as artífices de Lag, un proxecto que pensan abrir en Viveiro dentro de mes e medio aproximadamente. Trátase dunha tenda de produtos serigrafiados que elas mesmas, graduadas en Bellas Artes, deseñan e crean. Tan só a modo de anécdota, esta nova empresa e o reporteiro máis dicharareiro de Barrio Sésamo teñen moito máis que ver do que semella a simple vista: «Cando estabamos empezando a carreira e a traballar xuntas, buscando un nome artístico ocorríasenos, xuntando os nosos nomes de Lara y Ana, Larana Gustavo. Co paso do tempo démonos conta de que moi serio non era... pero dábanos pena sacar a Gustavo, por iso a letra G está como caendo no noso logo». Acaban de iniciar unha campaña de crowdfunding (ata o 2 de abril) para recibir doazóns e así Lag poida ver a luz en Viveiro.



4/3/17

UN ENTROIDO CIENTÍFICO

Este ano tivemos un Entroido científico e seguimos as instrucións do Meco ao pé da letra. O venres fixemos un gran desfile de científicos locos, inventores, médicos e enfermeiras, calculadoras, robots, sistema periódico, fórmulas químicas, glóbulos vermellos, blancos, astronautas e ata virus.
Asistiron as familias para ver o desfile e tamén  varios residentes de Geriatros que degustaron con nós as lambetadas e cantaron unha canción sobre o  Entroido en Viveiro.
Para celebrar o Día de Rosalía estamos a traballar unha liña do tempo e decoramos as caretas de Rosalía.



entroido17-1 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker