COVID-19

14/10/10

OUTUBRO, MES DAS BIBLIOTECAS

"Biblioteca escolar: un mundo de oportunidades"

Seguindo a dinámica iniciada en 2008, a Consellería de Educación difunde un cartel a comezos de outubro (que chegará aos centros nestes días), co fin de lembrar as posibilidades da biblioteca escolar, e apoiar a visibilidade do traballo que o profesorado dos centros vén realizando para facer útiles estes importantes recursos educativos. Manuel Lariño e Miguelanxo Prado puxeran imaxe aos carteis anteriores. Nesta ocasión é Marina Seoane quen aceptou o reto de ilustrar o lema proposto, unha ilustradora nacida en Madrid pero asentada xa hai tempo en Galicia, membro de AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Pódese acceder ao seu blogue e coñecer algo máis da súa obra.

A biblioteca escolar, entendida como un espazo educativo pleno de oportunidades para a formación persoal e académica, pleno de posibilidades para a actuación docente; un lugar no que soñar e viaxar, un lugar presencial dende o que achegarse a mundos virtuais. Esa capacidade de estar presente no centro é a que facilita o achegamento de toda a comunidade educativa aos recursos, a que fai posible o encontro entre iguais pero tamén entre persoas distintas. Un lugar para o traballo, para o desenvolvemento desas competencias básicas indispensables para a vida persoal, académica e social. Un espazo, tamén, para a búsqueda e o achádego, para facerse preguntas e atopar respostas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario