COVID-19

24/10/11

DÍA DA BIBLIOTECA

Hoxe día 24 de outubro celebramos no colexio o DÍA DA BIBLIOTECA. A actividade elexida este ano foinos recomendada por todos os colexios que a levaron a cabo. Trátase dos PADRIÑOS E MADRIÑAS DE LECTURA. Nela os nenos e nenas "maiores" de 4º,5º e 6º de Primaria prepararon contos, lecturas, pequenas dramatizacións..., e incluso fixeron títeres, decorados e ata un pequeno teatro. Con todo isto foron ler aos nenos máis pequenos do colexio. Aínda que tiñamos pensado ler no patio, como o tempo non nos acompañou, limos noutros espazos do colexio: ximnasio, biblioteca, corredores, clase... (calquera sitio é bo acompañado dun bo libro).
Todos os nenos e nenas disfrutaron con esta actividade que esperamos repetir máis veces.
Grazas a todos os padriños e madriñas que o fixeron moi ben e con moita ilusión.


3/10/11

FORMACIÓN DE USUARIOS

PREME NA IMAXE PARA FACER AS ACTIVIDADES


Durante este primeiro trimestre traballaremos a FORMACIÓN DE USUARIOS NA BIBLIOTECA e dende a biblioteca do CEIP de Pedrouzos (Brión), achégannos un enlace á súa aula virtual onde podemos entrar como convidados e coñecer un material de formación de usuarios, feito coa ferramenta LIM e que exemplifica o tipo de actividades que se poden levar a cabo desde a biblioteca, coa finalidade de desenvolver no alumnado habilidades específicas para o uso das fontes informativas e dos recursos que esta pode ofrecer.
Agradecemos a xenerosidade do equipo da biblioteca poñendo a disposición de todos esta ferramenta.

OUTUBRO, MES DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Xa estamos no mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.

Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.