COVID-19

12/3/17

ENTREVISTA A BASI, O PROFE DE INFANTIL DO NOSO COLE


Entrevista a Basi o Día da Muller Traballadora no CEIP Plurilingüe de Covas
 Imagen: XAIME F. RAMALLAL

«Non atopo súper heroes que choren»
Basilio Seijas, mestre de educación infantil, cre que a igualdade pasa por empoderar ás mulleres, pero tamén por ensinar aos nenos unha nova masculinidade. ANA F. CUBA 

Blog do profe Basi: oprofebasi.com


ORTIGUEIRA 05/03/2017 18:30
Na súa promoción, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, só eran catro homes estudando Educación Infantil. E nos 15 anos de docencia que leva, catro en Madrid e o resto en Galicia, Basilio Seijas Franco (Lugo, 1978) aínda non tivo nin un só compañeiro (si de primaria ou na dirección do colexio, pero non en infantil). 
A maioría das veces é ben recibido polas mestras, pero este ensinante asentado en Ortigueira ten oído comentarios de todo tipo, de profesoras - «para ser home aínda ten a clase bastante recollida», «xa vén un tío a cortarnos o rollo», «pois a ver con quen vas falar»- e tamén de familias -«unha nai díxome que a súa filla non estaba afeita a tratar con homes, e saíume ‘pero non ten pai ou avó ou tíos?’; notei desconfianza por ser home»-. 
Basilio, que exerce unha profesión de mulleres (no último tribunal de oposición no que participou só aprobou un rapaz), entende que a igualdade e a loita contra a lacra da violencia de xénero pasa, necesariamente, por empoderar á muller. «Pero falta a figura masculina na ecuación -sostén-, porque o que maltrata xeralmente é o home, e por iso temos que permitir novas masculinidades». «Os homes temos barreiras, non atopo bibliografía de súper heroes que choren nin soldados que non queiran ir á guerra. Parece que un home non pode mostrar as emocións, o medo; somos violentos e fortes... E esas cousas véxoas nos nenos, desde pequenos», explica. Unha nai contoulle, preocupada, que ao seu fillo lle gusta a cor rosa, pero só o manifesta na casa, xamais no colexio, por vergoña. 
Outra explicoulle que o neno facía xogo simbólico (emulando a unha nai, un pai, etcétera), pero paraba cando chegaba o pai. 
A educación emocional:As nenas «non teñen problema en facer un escudo de cabaleiro, pero a algún neno [de entre tres e seis anos] non lle digas que o vas maquillar; temos un rol xa adquirido», conclúe. De aí o movemento, secundado por cada vez máis docentes, que aposta pola educación emocional, «fundamental para recoñecer as emocións e expresalas, e a empatía, moi importante desde pequenos». O papel das familias é clave, «xa que moitos nenos están sendo educados por homes que non expresan sentimentos, machotes», constata, e o pequeno identifícase co proxenitor e tende a reproducir o seu comportamento. Basilio ve cambios, pola maior implicación dos varóns na educación dos fillos, pero incide na necesidade de «empoderar a eses homes que, cada vez máis, se atreven a ser como queren ser», coma Billy Elliot. O mestre recoñece que a el tamén lle custou a primeira vez que saíu á rúa cun carro da compra e bota en falla unha formación específica en igualdade. No colexio loita contra os límites que impón o sistema -«en infantil temos a presión da lectoescritura, cando a ler e escribir deben aprender despois»-, escapa da «produción» de fichas e aplica métodos pedagóxicos que traballan por proxectos, incidindo na motricidade, a oralidade e a creatividade (a través da música, a arte ou os contos). «As escolas matan o querer saber, unha persoa intelixente é a que se fai preguntas e na aula deberíase incentivar esa curiosidade. O mundo actual non busca xente con moitos coñecementos, senón creativa, con pensamento diverxente... Entón, que estamos facendo nas escolas, nenos borricos?», pregunta.
  Tipos duros que din «quérote»:Fíxose mestre co afán de mudar o mundo e a frustración sumiuno nunha crise, da que saíu cando se convenceu de que «os cambios son pequeniños, pero importantes, porque o que un neno aprende de ti axuda» a ir na nova dirección. No seu blogue (oprofebasi.com) aborda as novas masculinidades, outro tipo de homes, «varóns fortes, pero tamén sensibles, con medos, emocións e frustracións, valentes que non teñen medo a enfrontarse á vida, pero tampouco a dicir ‘quérote’». E recomenda o conto Tipos duros (editorial Impedimenta).

No hay comentarios:

Publicar un comentario