30/3/15

PROXECTO ENREDANDO- OS VERMES DA SEDA

 O CEIP Plurilingüe de  Covas  acolleu  o proxecto Enredando, artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que durante este trimestre permitirá a alumnos de 16 colexios de toda Galicia aprender a obter seda.
 O obxectivo desta iniciativa é achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.
Coa segunda parte da unidade didáctica O gremio da seda, o alumnado que xa participara anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda, coñece da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.
Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e no que participaron xa máis de 15.000 alumnos desde a súa posta en marcha hai catro anos, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Tamén impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.