A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica
de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao
conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás
bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020:
"Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador
Óscar Villán quen
interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de
diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.
Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos
seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a
comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa
intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode
ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a
organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente,
sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar
poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao
coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a
creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a
vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal,
para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre
sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas,
os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos
recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos
outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto
polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha
convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.
A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.