"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o
lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas
escolares que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, enviará en breve a todos os centros públicos como reforzo
das actuacións da biblioteca escolar e para apoiar a visibilidade dos
seus recursos e das súas oportunidades de aprendizaxe.
A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO, e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
En efecto, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o
mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os
recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que
queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación
individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de
oportunidades de aprendizaxe.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a
traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar
posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo
alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a
coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras
que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun
mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario