A experiencia de Xosé Tomás como profesor de inglés no CPI Manuel Suárez
Marquier (O Rosal), centro que conta cunha biblioteca moi activa, sen
dúbida está detrás da amplitude de posibilidades que imaxina na súa
recreación gráfica.
Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo
no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que
mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de
"abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de
aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o
seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén
actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden
facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus
recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con
profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón
unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu
pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición
oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das
lecturas de materiais de divulgación científica, a través das
investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a
pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades
compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun
profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e,
tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para
desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de
filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o
seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o
alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a
formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais
e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca
vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario