22/10/18

SEMANA GLOBAL AMI 2018


A instancias da UNESCO celébrase entre os días 24 e 31 de outubro a Global Media anda Information Literacy week 2018, unha semana internacional da alfabetización mediática e informacional, co fin de chamar a atención sobre a urxencia de formar ao alumnado nos recursos para o consumo e a produción de información a través dos medios de comunicación, con valores éticos e sentido crítico. 
As bibliotecas escolares teñen un papel fundamental á hora de apoiar a profesorado e alumnado neste cometido, ofrecendo materiais de apoio, recursos, tempos e espazos; pero tamén retos que guíen e estimulen a incorporación destes contidos nas diversas materias. Unha das estratexías de maior alcance é a creación do laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar, tal e como están facendo, entre outros, os centros integrados no programa RADIO NA BIBLIO, pero hai moitas outras posibilidades. A apertura do modelo de biblioteca cara un "centro creativo das aprendizaxes", con novos espazos e equipamentos, como por exemplo o recuncho de produción audiovisual, contribúe a mellorar as oportunidades para este achegamento e empoderamento do alumnado como produtor de pezas audiovisuais, como xerador de contidos audiovisuais. Son só dous exemplos aos que poden unirse outras iniciativas, analóxicas ou virtuais, como o traballo coa publicidade ou cos textos xornalísticos. 
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares elaborouse un pequeno documento que pode descargarse neste espazo e que inclúe ligazóns a informacións diversas e recursos de apoio.  Recolle algunhas das recomendacións da UNESCO para a celebración desta "semana AMI" pero ben poden levarse a cabo ao longo do curso escolar. 





No hay comentarios: