A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o
cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso
2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a co
nstrución da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.
Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para
ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a impor
tancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.
En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes,
ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer
outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral
do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas
ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:
- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar.
Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da
casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de
coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo".
- Configurar o itinerario lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.
- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a
través das lecturas. Descubrir as relacións entre identidade e
lectura.
- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o
período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).
- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o
noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que
imos creando ao longo da vida).
- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á
práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade
reparadora da lectura.
- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura, que
convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos
que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas
que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as
nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).
XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as
posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con
calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en
movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas
individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura
de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos
axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a
entender o mundo dos outros...